Libros
Papá caníbal
Fedora está farta de que o abusón do cole se meta con ela, así que decide asustalo contándolle que o seu pai é un caníbal. O Efebeí, un policía fóra de servizo por non facer nada ao dereito, inicia unha investigación pola súa conta sobre o suposto caníbal para tentar recuperar o prestixio perdido e poder reincorporarse ao traballo. A partir de aquí iníciase un atolado enredo que ten lugar durante a noite do Samaín.Unha novela disparatada, enxeñosa, macabra e tremendamente divertida, na que mesmo poderás escoller o final!
Como escorrentar un lobo
Ano 1944.
Nunha Polonia ocupada polos nazis, Noncia rescata dúas crianzas xudeas do seu tráxico destino e agóchaas na súa casa. Para as axudar a combater o medo, relátalles unha incrible aventura que viviu na súa infancia, cando percorría os camiños acompañando o tabor xitano ao que pertencía. A historia trasládaos ao corazón do misterioso bosque de Białowieża, onde a familia de Noncia, tras extraviarse no medio dunha treboada, chega á vila secreta de Polana Wilków, o fogar dos Neuri. Alí coñecerá as distintas criaturas fantásticas que se agochan no bosque e aprenderá a mirar o medo cara a cara.
Como escorrentar un lobo é unha aventura chea de misterios co arrecendo das lendas contadas baixo a luz dunha candea.
santoamaro
Finalizado o seu derradeiro ano no instituto, unha cuadrilla de rapaces e rapazas disponse a gozar do verán tras o cal, posiblemente, os seus camiños se afastarán para sempre. Despois dunha noite de festa acaban na praia de Santo Amaro, onde prometen xuntarse nas madrugadas dos sábados para bañarse no mar e conversar. Nese único escenario van agromando as relacións e os segredos, a amizade e a traizón, os medos e as feridas. Cara ao final do verán, un terrible acontecemento dinamitará o que semellaba un grupo indestrutible e desvelará aspectos dos protagonistas ocultos até entón. santoamaro mestura libremente a narrativa co teatro para crear unha novela híbrida, na que a praia se constitúe no escenario dramático onde emerxe unha historia tan contemporánea como viva.
PREMIO JULES VERNE DE LITERATURA XUVENIL
PREMIO THE WHITE RAVENS 2020
Escaquis e Romeu
«É coma un neno», dicían de Romeu os seus coñecidos, pois se algo caracterizaba o vello barbeiro era a súa inocencia. A vida de Romeu transcorría tranquila, entre cortes de pelo, barbeados e lecturas na compaña das plantas da súa galería. Mais unha noite de treboada Escaquis apareceu misteriosamente para poñer patas arriba a súa existencia. Esta estraña nena contaba cun poder moi especial: era quen de abrir portas a outras realidades! Romeu e mais os seus amigos tentarán descubrir a súa orixe para axudarlle a retornar ao seu mundo.
O Castañeiro de Abril
Buto, o zapateiro, conta a historia do seu amigo Baltasar, un rapaz de once anos, cego de nacemento e orfo de nai, que vive coas súas tías, Olegaria e Berenguela, dúas xemelgas moi antipáticas e un pouco malvadas. Acompañado do seu can, Barriga Branca, Baltasar vende na praza dos Zoqueiros soldadiños e bailarinas de madeira, labradas coa súa navalla, coa intención de xuntar cartos para reunirse co seu pai. A aparición na praza do Castañeiro de Abril provocará un xiro na súa vida e unha chea de acontecementos que trastornan a vida da xente do seu barrio. O Castañeiro de Abril é unha historia de superación dunha dignidade tremenda e dunha afouteza extraordinaria. Unha reivindicación das cousas miúdas, que adoitan ser a principal orixe dos nosos desgustos e das nosas maiores satisfaccións.
PREMIO MERLÍN DE LITERATURA INFANTIL 2017
Ningunha estrela levará o meu nome
Rodri parece abocado a pasar só as vacacións de Nadal. Seu irmán Robinson cancelou a visita anual desde Mallorca e súa nai deberá traballar varios días fóra da cidade. Entón, o seu amigo Mario proponlle un disparatado plan.
Mario é un compañeiro da clase obsesionado cos pasteis de merengue, a música de Frank Ocean e o videoxogo Serenity´s Edge. Os dous rapaces son moi diferentes entre si, mais comparten o feito de ser uns marxinados no instituto.
Cando marchan xuntos da cidade, comezan unha viaxe chea de aventuras a través de estacións de tren, estradas xeadas e cidades descoñecidas nas que Rodri descubrirá o valor da amizade.
Ningunha estrela levará o meu nome é unha homenaxe aos heroes e ás heroínas que viven entre nós.